segunda-feira, 19 de abril de 2010

"Piratas, bruxas e outros amigos" [Fadamorgana]


Neste novo libro para pequenos lectores de Daniel Ameixeiro volvemos a encontrar personaxes e ambientes que xa apareceron na obra anterior do autor, quen parece ter debilidade polos piratas, as princesas de conto e as entrañables bruxas. Nun ambiente de fantasía, que semella unha pequena comunidade de veciños, conviven ademais dragóns, pantasmas, ratiños, galiñas, trasnos e "outros amigos", constituíndo unha veciñanza da que tamén forma parte quen relata os sucedidos e que por veces fala en primeira persoa contándonos as súas relacións cos habitantes desta particular comunidade. Así coñecemos, entre outras cousas, as preocupacións do pirata da casa do lado, as inesperadas visitas de Roberta, a bruxa do piso de abaixo, os medos da princesa Adosinda, os consellos que lle dá o espello á princesa Margarita, ou os problemas domésticos que tivo a princesa Vero cun mago moi mal intencionado ...
O máis singular do libro é a forma en que aparece o texto, a modo de poema, cunha rima moi libre e moi aberta, empregando o ritmo e as múltiples posibilidades que ofrecen os recursos fonéticos, xogando coas palabras, tanto co que suxiren como cos seus efectos sonoros, conseguindo así unha forte presencia da oralidade, é un libro que pide ser lido en voz alta e, a poder ser, compartido. O autor emprega unha linguaxe extremadamente áxil e un estilo desenfadado que acada os maiores acertos nos rapidísimos e ocorrentes diálogos, cargados de gracia e humor, un humor que se recrea no absurdo e adopta características propias do "nonsense".

[Crítica realizada por María Jesús Fernández, no n.º 12 de Fadamorgana, inverno 2007/2008, p. 73. ]

Sem comentários:

Enviar um comentário