quinta-feira, 25 de março de 2010

Un libro excelentemente escrito




Daniel Ameixeiro (O Grove, 1962), autor de obras dirixidas ao público infantil tan celebradas como Bonifacio foi a palacio ou Xan e Pericán, esta última finalista do Premio Merlín, fai agora a súa primeira incursión no mundo da novela sacando á luz Ramón Piñeiro. Os días ocultos, un libro excelentemente escrito no que, cunha prosa verdadeiramente ambiciosa, o autor vén demostrar a veracidade do aserto de que a ficción é un dos mellores camiños para viaxar, a través do tempo, á cerna da verdade. Profundo coñecedor da historia do galeguismo –e da historia de Galicia, en xeral-, Ameixeiro, que reside en Madrid, onde traballa como enxeñeiro de Telecomunicacións, é dono dunha voz extraordinariamente sólida, que ben pouco ten que ver co que hoxe prima nunha literatura ben distinta: na que non ten outro obxectivo que axudar a pasar o tempo, como se o tempo non correse xa, por si mesmo, o suficiente.

É esta unha novela, construída arredor da figura de Piñeiro, sobre as dificultades que entrañou, para os que coma el lle plantaron cara á máis negra das noites, abrirlle camiño á cultura galega fronte ao franquismo máis terrible. Nesta ficción que se move polo máis fértil dos territorios literarios –polo que busca a verdade no sentido máis alto do termo-, e a través de dúas voces, a do propio Ramón Piñeiro e a de Víctor Campio, o pasado regresa ata nós non coma se fose algo que contemplamos a través dunha estraña ventá, senón como unha sucesión de imaxes que se reflicten nun espello que, por moi literario que sexa, non deixa de ter raíces na nosa alma.

Esta é a crítica que fixo Ramón Loureiro da novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos, e que apareceu o sábado 3 de outubro de 2009 no suplemento Culturas de La Voz de Galicia.
Despois de lela, pouco teño que dicir, simplemente manifestar a alegría, a emoción, en fin, tantas cousas. E, por suposto, tamén o agradecemento cara a toda esa xente que fixo tanto por Galicia en tempos tremendamente duros. Esta novela naceu xustamente dun sentimento de agradecemento e de admiración.

Sem comentários:

Enviar um comentário