segunda-feira, 25 de janeiro de 2010

Xan e Pericán [Faro da Cultura]


Cunha fantasía desbordante, Daniel Ameixeiro dá vida a dous personaxes, Xan e Pericán; o primeiro “pequeno e gordecho, comellón e durmiñoco”, e o segundo, ao parecer, “máis alto, come pouco, e dorme menos”. Ámbolos dous andan un atrás do outro e aos dous gústalles perderse nos camiños. A aprendizaxe que fan da vida e das cousas que os rodean pasa por examinalo todo, ollalo todo, experimentalo todo, e é así como conseguen descubrir novos “camiños”.

Xan chama por Pericán e xuntos entran por un buraco no chan. Comezan aquí o seu percorrido no que atravesan portas, coñecen a nena Elisenda, á vella Anacleta; ao señor Comendador, que vai en tractor e toca o tambor; a don Torcuato, que vende vasoiras e amaña zapatos e, por fin, a don Claudio, que é médico de bruxas, xigantes e ananos, e que os axudará a atopar a saída que ámbolos dous amigos buscan.

O mundo da irrealidade é o marco no que se moven e actúan os personaxes, presos en non poucas ocasións dun subrealismo que fai posible o imposible, que respalda as decisións adoitadas polos rapaces e/ou que ameniza os movementos levados a cabo polos distintos personaxes que van desfilando pola historia. Agora ben, neste universo fantástico, que sería difícil entender baixo os parámetros da lóxica, reina a cordialidade, a tolerancia, o respecto mutuo, a concordia ... valores que seguramente non pasarán desapercibidos para os pequenos lectores que seguirán con certo interese os movementos dos dous protagonistas, Xan e Pericán, dada a súa sinxela facilidade para captar a atención de quen coma eles lles gusta o misterio, o descoñecido ou a aventura.

Por outra parte, o emprego dunha linguaxe que, sendo sinxela, trata de ser musical, buscando certa rima ao remate das frases, proporciona ao texto unha animada lectura. Ao mesmo tempo poderemos atopar nalgún pasaxe recordos doutros contos que teñen como protagonistas nenos, como é Alicia no País das Marabillas, feito que asombrará gratamente aos nenos que poderán comprobar como se entremesturan persoas tan emblemáticas para eles como a pequena do citado conto.

[María Navarro, no Faro da Cultura (Faro de Vigo) do 20 de maio de 2004. Publicado co subtítulo “Unha animada lectura”]

Sem comentários:

Enviar um comentário