segunda-feira, 25 de janeiro de 2010

"O caderno vermello" [A Nosa Terra (do 21 ao 27 de xaneiro de 2010)]


O autor nado no Grove, Daniel Ameixeiro leva uns cantos anos compaxinando o seu labor profesional de enxeñeiro de telecomunicacións coa escrita, sobre todo no eido da Literatura Infantil e Xuvenil. Agora con esta nova novela preséntalles aos mozos unha historia artellada en corenta capítulos curtos en extensión, aínda que non en intensidade narrativa, nos que se pon de manifesto a transición da nenez á adolescencia. A voz narradora é a do seu protagonista, un adolescente que, a instancias de Tomás, o orientador do seu instituto, decide reflectir por escrito os estraños acontecimentos que lle sucederon no último verán, como medida de canalización ao mesmo tempo que de exteriorización de sentimentos que, de non saír ao exterior, poden xerar conflitos. Deste xeito será quen de comprender que o mundo seguro da infancia pode cambalear segundo sexan as decisións tomadas, que os actos teñen consecuencias que hai que asumir e non agochalas ou fuxir delas, que a amizade non entende de idade senón de compartir sentimentos e emocións, e que ninguén ten unha variña máxica para solucionar os problemas.

O emprego dunha prosa fluída conducida a través de vivos diálogos tinguidos cun certo ton humorístico capta a atención do lector adolescente.

[Crítica de Alba Piñeiro no número 1390 d’A Nosa Terra (do 21 ao 27 de xaneiro de 2010) baixo o título: “O prezo de madurar”]

Sem comentários:

Enviar um comentário